+ 34 981 850 903
+ 34 627 184 678

Inicio Blog A familia Do Artesanato

A familia Do Artesanato

Venres, 29 de xullo de 2016

A familia Do Artesanato

Gustaríanos presentar a pequena gran familia rural Do Artesanato, que aínda que non todos sexamos familia de sangue, co paso do tempo entablamos unha relación case familiar que fai que o ambiente de traballo sexa estupendo.

China e Lema

En primeiro lugar, os fundadores, o matrimonio formado por Lema e China que fartos de rexentar o mítico Pub Tabasco en Outes desde 1984, decidiron reformar a casa de Hermosinda (nai de Lema) para uso de turismo rural no ano 2000. Estamos a falar de toda unha vida dedicada ao mundo da hostalaría, experiencia no sector que fará que sintades como en casa.

Lema é o xerente, o encargado de que todo funcione de maneira correcta ademais de ser o verdadeiro ideólogo do proxecto das cabaniñas nas árbores. Atende aos moitos medios de comunicación que acoden a facer reportaxes das instalacións e a contorna. Aínda que parte do equipo chámalle de maneira cariñosa "xefe", el non se considera como tal senón unha parte máis do equipo, que fai que todo funcione debidamente.

China, adxunta a xerencia, unha muller sempre cun sorriso na boca, tanto se encarga da limpeza, como de preparar todo tipo de exquisitos pratos na cociña de Perfeuto María. Tamén é a encargada do abastecemento, unha muller incansable.

Bea e Lucía

Bea en Cabanas do Barranco e Lucía en casa Perfeuto María, están detrás do teléfono cando chamades para reservar ou simplemente para recibir información. Tamén son as encargadas de recibirvos á vosa chegada e acomodarvos nas vosas hospedaxes. Dúas mozas encantadoras ás que lle gusta o seu traballo, algo do que sen dúbida vos daredes conta.

Equipo de limpeza de Do Artesanato

O equipo de limpeza está formado por China, Inés, Toti e Vicky. Catro apaixonadas da orde e a pulcritude e sobre as que recae a maior carga de traballo da empresa. Toti é irmá de China e ademais de limpar tamén coordina a todo o equipo, unha máquina traballando e un dos membros máis queridos do equipo.

Inés e Vicky, amigas da familia de toda a vida son dous todoterreos, limpan, fan labores de recepcionistas, etc , este feito contribúe notablemente a que o clima laboral sexa excepcional.

Ao longo do ano, en momentos puntuais, necesitamos a axuda de máis mans e completamos o equipo con persoas de confianza da nosa vila, Manoli, Dominga, María Junquera e Fina.

A limpeza das nosas hospedaxes é unha das cousas que os nosos clientes valorades mais positivamente e todo llo debemos a estas magníficas traballadoras.

María

En casa Perfeuto María poderedes gozar dunhas riquísimas comidas e ceas preparadas con produtos tradicionais que coidamos desde a orixe,tanto é así que a maioría dos mesmos son producidos polos nosos veciños da maneira mais tradicional. A encargada da preparación destes alimentos é a nosa cociñeira María, con ampla experiencia e en contínua formación. María deleitaravos con saborosos pratos que sen dúbida saberedes apreciar como se merecen e estará encantada de recibir os vosos encomios. Como todos na empresa o seu traballo non acaba aí, tamén pasa o ferro, recolle a casa,etc.

Fabri

Cando algo falla ou se estraga está Fabricio, o noso encargado de mantemento. Fabri é o que arranxa todo e cando dicimos todo, crédenos, é todo. É unhas auténtico manitas, tanto corta o céspede, como fai un traballo de albanelaría, como revive un aparello electrónico.

Miguel

Por último, a persoa que leva a cabo o traballo escuro e que a xente menos aprecia: a contabilidade. O peso desta tarefa recae sobre Miguel que fai de contable, pero tamén contribúe a que as redes sociais e webs estean abastecidas de contidos para que esteades informados os cambios, as ofertas, as novas hospedaxes, etc.

Este impresionante grupo de xente é o culpable de que a nosa pequena empresa cada vez funcione mellor. Aproveitamos para recoñecer o elemento primordial que fai que toda empresa teña éxito, vós, os nosos marabillosos clientes. Desde aquí queremos darvos as grazas por vir e por apreciar o noso traballo. GRAZAS.

Familia Do Artesanato