+ 34 981 850 903
+ 34 627 184 678

Inicio Blog Ruta Santiago-Santiago: 1ª etapa Santiago-Fisterra

Ruta Santiago-Santiago: 1ª etapa Santiago-Fisterra

Xoves, 16 de xuño de 2016

O “Camiño a Fisterra” é a única ruta xacobea con orixe en Compostela. Aínda que o Camiño conclúe como tal na cidade de Santiago, a peregrinación non termina en Compostela, posto que, dende a máis remota antigüidade, os viaxeiros que chegaban a este lugar tan occidental de Europa sentían desexos de proseguir a senda do sol, de chegar ao fin da terra para contemplar a inmensidade do infinito e ver o sol agocharse no océano. Algúns peregrinos decidiron xa nas súas orixes prolongar a súa peregrinación ata a Costa da Morte, o derradeiro anaco de terra coñecida entón, converténdose en tramo final da súa viaxe un itinerario sinalando o ceo pola Vía Láctea.

Esta ruta alternativa está dirixida, sobre todo, a camiñantes e peregrinos que desexen facer a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra, ofrecendo ao peregrino a posibilidade de realizar unha nova ruta pola fermosa costa ata Muros, dándolle a opción de volver a Compostela pola ruta da Ría da Estrela.  

1ª etapa: Santiago – Fisterra (“Camiño a Fisterra”)

A primeira etapa desta ruta comeza na cidade de Santiago de Compostela e diríxese ao oeste ata Fisterra, a través das poboacións de Negreira e Olveiroa, percorrendo así un total de 80,3 km.

Tras camiñar 22,2 kms chégase ao concello de Negreira, situado ao norte do río Tambre. Un dos lugares máis destacados deste concello é Pontemaceira, xa que conta cunha gran variedade de recursos turísticos como son o conxunto de muíños restaurados ao lado dunha represa, a Capela de San Blas, o Pazo de Baladrón construído a mediados do século XX e a Ponte de Pontemaceira. 

En canto aos seus espazos naturais máis destacados cobran importancia os ríos. Así, pódense visitar as fervenzas e pozas do Corzán, un lugar perfecto para facer barranquismo, darse un baño en verán ou facer sendeirismo pola ribeira do río Tambre.

Continuando a ruta, a seguinte poboación á que se accede é Olveiroa, unha pequena aldea que ten como principal atractivo os seus hórreos, na actualidade moi ben coidados. No centro desta vila sitúase a Igrexa de Santiago de Olveiroa, unha construción do século XVIII de arquitectura románica.

Logo de coñecer o patrimonio cultural e natural de Olveiroa, continuarase a ruta uns 27,7 kms ata chegar a Fisterra, dando así por concluída a primeira fase deste Camiño.

Fisterra foi considerado durante moitos anos como o fin do mundo coñecido. De feito, a súa posición xeográfica e os impresionantes solpores fixeron crer a Décimo Junio Bruto (xeneral romano que dirixiu a conquista de Galicia) que este era, efectivamente, o lugar onde morría o sol.

Esta incrible paisaxe pódese apreciar dende o Faro do Cabo Fisterra, o faro situado máis ao oeste de Europa. 

Ao chegar á vila, pódese observar o Santuario Románico de Santa María das Areas, onde se atopa a venerada imaxe do Cristo da Barba Dourada. Dise que cando unha gran marexada ameaza invadir a vila de Fisterra, é o Santo Cristo quen a libera do perigo.

“Santo Cristo de Fisterra,
que viñestes polo mar,
líbranos do mar a terra
e líbranos de afogar”


Ademáis do Santuario, é necesario coñecer outro lugar máxico: as ruínas da Ermida de San Guillerme, de gran importancia e interese, tanto pola súa significación mitolóxica, como polo lugar no que se localiza.

A importancia do seu enclave radica na historia que garda: fogar dun ermitaño de época prerrománica cuxos rituais ían dirixidos sempre á fecundidade, o que deu lugar a que acudiran alí, dende non fai moito tempo, parellas buscando un milagre para concibir o fillo que non chegaba.

Por outra parte, é de destacar a fermosura do entorno e as vistas que dende alí se alcanzan.

En vindeiras entradas falaremos da 2ª etapa, que vai dende Fisterra a Muros, e do 3ª e derradeiro tramo que retorna a Santiago.

Ligazóns